Sopa de vaíñas de chícharos

Este ano recollín moitos chícharos da horta. Una vez debullados deume pena tirar as vaíñas, tiñan moi boa pinta, así que decidín probar a facer unha sopa moi sinxela con elas. O resultado foi moi bo, a sopa queda moi saborosa e está igual de rica quente que fría. Os chícharos crus están moi tenros e doces e melloran aínda máis a sopa.

É importante cortar as vaíñas para que as fibras sexan máis curtas xa que poden atascar a coitela da batedora. 


Ingredientes:

  • 1 cebola
  • 1 dente de allo
  • 1 póla, duns 10 cm, de apio
  • 500 g de vaíñas de chícharos
  • Aceite de oliva virxe
  • Auga
  • Sal
  • Pementa negra moída

Elaboración:

  1. Poñer dúas culleres de aceite a quentar nunha tarteira.
  2. Pelar e cortar a cebola en anacos medianos e botalos á tarteira.
  3. Engadir o dente de allo picado e a póla de apio cortada en anacos pequenos.
  4. Quitarlle as puntas duras ás vaíñas e cortalas en dous ou tres anacos.
  5. Cando a cebola empece a estar transparente botar un litro de auga á tarteira e despois engadir as vaíñas de chícharos. 
  6. Deixar cocendo uns 10 minutos, vixiando que non perdan a cor verde.
  7. Triturar todo nun vaso americano e pasar a mestura por un coador para retirar todas as fibras das vaíñas.
  8. Engadir sal e pementa negra ao gusto.
  9. Servir con chícharos crus e se se quere con anaquiños de xamón e queixo relado.
  10. Pode servirse quente ou fría.


Dificultade: Moi fácil

Tempo de elaboración: 30 minutos

Alérxenos:

Apio


Comentarios