Verduras en escabeche

Todos os pratos que teñen un toque acedo me gustan moito e por suposto os escabeches encántanme. O bo dos escabeches é que son fáciles de cociñar, aguantan ben na neveira e ademais están aínda máis ricos cando pasan uns días.
Desde hai pouco adoito facer verduras en escabeche, están moi ricas sobre unha torrada con queixo fresco, humus ou friame, tamén acompañan moi ben os pratos con carne.
Nos ingredientes poderían aparecer outras verduras, de feito fago os escabeches coas verduras que teño a man. O brócoli e a coliflor quedan moi ben, pero creo que as que máis me gustan son a cenorias e as  chalotas. 
As cantidades que aparecen nos ingredientes son orientativas, eu usei verduras pequenas, se se utilizan verduras grandes pode facer falta máis aceite para cubrilas. Coa cantidade de vinagre indicada queda un escabeche suave, para o meu gusto, pode modificarse a cantidade sen problema.


Ingredientes:

  • 6 Allo porros pequenos
  • 5 Cenorias pequenas
  • 4 Chalotas
  • 2 Allos tenros
  • 6 Ravos vermellos
  • 3 dentes de allo
  • 1 cravo de olor
  • Unha culleriña de pementa negra en gran
  • 3 follas de loureiro
  • 200 ml de aceite de oliva virxe extra
  • 3 culleres de vinagre de mazá
  • Sal ao gusto

Elaboración:

  1. Limpar todas as verduras e as que sexan un pouco máis grande cortalas en anacos de bocado.
  2. Poñer unha tarteira con auga a quentar e enriba dela un recipiente para cociñar ao vapor. 
  3. Colocar todas as verduras no recipiente para cociñar ao vapor e deixalas facer ata que estean ao dente.
  4. Nun cazo poñer o aceite, os dentes de allo pelados, a pementa, o cravo e as follas de loureiro. Deixar a lume moi suave ata que os dentes de allo estean feitos pero sen torrarse.
  5. Deixar arrefriar o aceite, engadir o vinagre, o sal e as verduras. Volver a poñer a lume moi suave uns 5 minutos.
  6. Cando o escabeche estea morno, gardar nun bote de cristal na neveira.


Dificultade: Moi fácil

Tempo aproximado: 30 minutos

Alérxenos:

Comentarios