Leite frito

Encántame a crema pasteleira e hai tempo que lle estou dando voltas a facer unha receita con ela, pero tamén lembrei que hai moito, moito tempo, que non tomo leite frito, que tamén me gusta moito, así que á faena. 

En realidade o leite frito é moi fácil de facer e a única variación para facelo sen glute é a fariña que se usa para o  rebozado, neste caso utilicei fariña de arroz. Esta sobremesa está maís rica quente ou morna, pero o bo é que se pode gardar na neveira e quentala uns segundos no microondas cando se queira comer, de todos os xeitos non vai durar moito tempo.


Ingredientes:

  • 60 g de amidón de millo
  • 60 g de azucre
  • 500 ml de leite
  • 3 xemas de ovo
  • 1 pau de canela
  • A pel de medio limón
  • Fariña de arroz para rebozar
  • 2 ovos para rebozar
  • Aceite para fritir


Elaboración:

  1. Reservar un vaso de leite frío. Poñer o resto a ferver nunha tarteira, xunto co pau de canela e a pel de medio limón.
  2. Retirar a tarteira do lume en canto empece a ferver e  mentres seguimos coa preparación.
  3. Mesturar o leite frío e o amidón de millo.
  4. Mesturar as xemas de ovo e o azucre.
  5. Mesturar as dúas preparacións anteriores.
  6. Botar un pouco de leite quente á mestura anterior, remexer. Engadir esta mestura ao leite da tarteira.
  7. Retirar o pau de canela e a pel de limón e volver a poñer ao lume suave toda a mestura.
  8. Remexer continuamente ata que a crema empece a espesar.
  9. Retirar do lume cando a crema estea suficientemente espesa, botala nunha fonte onde poidamos ter un altura dun centímetro aproximadamente. É conveniente untar, previamente, a fonte con manteiga.
  10. Cando a crema arrefríe un pouco tapala con filme pegado á superficie. Deixar repousar, ata o día seguinte, na neveira.
  11. Sacar da neveira e cortar en anacos ao gusto.
  12. Pasar cada anaco por fariña de arroz e ovo batido. Fritir en aceite ben quente.
  13. Ao sacar da tixola deixar os anacos sobre papel de cociña para que perdan aceite.
  14. Mesturar azucre e canela en po ao gusto para botar por enriba dos anacos de leite frito.


Dificultade: Fácil

Tempo aproximado: 1 hora máis o repouso.

Alérxenos:




Comentarios