Ademais de gustarme moito, os tacos parécenme unha comida moi versátil, en realidade pódense facer case de calquera cousa. Neste caso preparei un solombo de porco con salsa de soia e mel que quedou moi saboroso, repetirei a receita aínda que non o sirva para facer tacos. A maior dificultade da receita é facer as tortillas de millo, pero poden comprarse en calquera supermercado e así a dificultade da receita é mínima.
Se se fan as tortillas de millo pode cociñarse a carne o día anterior para non ter tanto traballo no mesmo día.A cantidade de chile ou de coandro que se use na receita dependerá do gusto de cada un.
Ingredientes:
- 1 solombo de porco
- 1 cebola morada
- 4 culleres de salsa de soia sen glute e baixa en sal
- 4 culleres de mel
- 1 dente de allo
- 2 anacos de xenxibre de medio centímetro de grosor
- 2 limas
- 1 laranxa
- 1 aguacate
- 2 chiles "jalapeños"
- Unhas follas de coandro segundo o gusto
- Aceite de oliva virxe
- Sal
- Tortillas de millo segundo o número de comensais
Elaboración:
- O día anterior poñer o solombo nun recipiente coa salsa de soia, o mel, o dente de allo picado, media cebola en tiras e os anacos de xenxibre.
- Poñer un pouco de aceite de oliva nunha tarteira a lume alto.
- Dorar o solombo de porco por todos os lados. Engadir o adobo á tarteira, sen os anacos de xenxibre, e baixar o lume. Deixar cociñar ao lume lento ata que a carne estea tenra. Se é necesario engadir un pouco máis de salsa de soia.
- Mentres se cociña a carne picamos a metade da cebola en anacos moi pequenos e facemos o mesmo cos chiles. Mesturamos e engadimos o zume dunha laranxa, o zume dunha lima e un chisco de sal. Reservarmos.
- Sacar o solombo da tarteira e cortalo en anacos pequenos, botar os anacos á tarteira e remexer para mesturar co mollo. Reservar a carne tépeda.
- Servir a carne, as tortillas, a salsa de chile, follas de coandro e anacos de aguacate e lima. Cada comensal que monte os tacos ao gusto
Dificultade: Media
Tempo aproximado: 1 hora e media
Alérxenos:
Comentarios
Publicar un comentario
Encantaríame saber a túa opinión