Ultimamente estou a buscar receitas con tofu que teñan moito sabor, xa que o tofu é totalmente insípido, polo menos o que podo comprar eu. O curry está cheo de sabor e é versátil en canto ás especias que se poden utilizar. É unha receita sinxela que se pode preparar con antelación. Pode facerse exactamente a mesma receita sen utilizar o tofu, estará igual de rica.
Ingredientes:
- Media coliflor mediana
- 275 g de tofu firme
- 2 dentes de allo
- 1 anaco de xenxibre duns 2 cm
- 200 g de tomate triturado
- 400 ml de leite de coco
- 1 culleriña de coandro triturado
- 1 culleriña de comiño triturado
- 1 culleriña de curry
- 1 culleriña de cúrcuma en po
- Media culleriña de chile seco triturado
- Uns 2 cm de pau de canela
- Unha presa de anacardos naturais
- Sal
- Aceite de oliva virxe
- Unhas follas de coandro
- Uns anacos da parte verde dunha cebola fresca.
Elaboración:
- Unhas horas antes de empezar a preparación envolver o anaco de tofu con papel de cociña e poñer enriba un peso para que perda auga.
- Cortar a coliflor en anacos , cortar o tofu en anacos.
- Poñer a coliflor e o tofu nunha fonte de forno, botarlles un pouco de aceite e metelos no forno a 160ºC ata que collan un pouco de cor torrada.
- Poñer un pouco de aceite nunha tarteira a lume medio.
- Engadir o pau de canela e os anacardos.
- Cando os anacardos empezen a torrar engadir os dentes de allo e o xenxibre triturados, e o resto das especias.
- Agregar o tomate, remexer e deixar cociñar uns minutos.
- Botar á tarteira a coliflor e o tofu, remexer e a continuación poñer o leite de coco.
- Deixar ferver lentamente ata que a coliflor estea feita.
- Probar e rectificar de sal.
- Servir poñendo por enriba unhas follas de coandro, uns anacos da parte verde dunha cebola fresca e algúns anacardos tostados.

Dificultade: Moi fácil.
Tempo aproximado: 45 minutos.
Alérxenos:
Comentarios
Publicar un comentario
Encantaríame saber a túa opinión