Descubrín esta torta nun programa de Nigella Lawson. Pareceume que tiña que estar moi rica e sorprendeume que levara cardamomo e auga de rosas, ademais encántanme as tortas con améndoa así que, en canto tiven tempo, lanceime a facela. A receita é sinxela, a próxima vez que a faga deixareina un pouco menos de tempo no forno, xa que co tempo que se indica quedou un pouco torrada. Xa se sabe que cada forno é á súa maneira.
A torta resulta densa pero zumarenta e aguanta perfectamente varios días.
Ingredientes:
6 Ovos grandes, 150 g de albaricoques secos,200 g de améndoas moídas, 50 g de polenta fina non instantánea, 150 g de azucre, 1 culleriña de lévedo químico (sen glute), 2 culleriñas de zume de limón, 1 culleriña de auga de rosas, 125 ml de auga fría, 2 vaíñas de cardamomo. Para decorar: 2 culleriñas de marmelada de albaricoque, 1 culleriña de zume de limón 2,5 culleriñas de pistachos picados.Elaboración:
- Quentamos o forno a 180º C.
- Poñemos ao lume os albaricoques secos nos 125 ml de auga fría e engadimos as sementes das dúas vaiñas de cardamomo, quentamos ata que ferva e retiramos do lume. Deixamos arrefriar.
- Separamos a metade dos albaricoques necesarios para adornar o bordo da torta. Abrimos e separamos en dúas partes estes albaricoques e reservámolos.
- Botamos os albaricoques restantes nun procesador de alimentos, engadimos o líquido no que infusionamos os albaricoques e o cardamomo.
- Engadimos 200 g de améndoas moídas, 50 g de polenta e 150 g de azucre.
- Incorporamos 1 culleriña de lévedo en po e 6 ovos grandes.
- Batemos ata obter unha masa uniforme.
- Engadimos 2 culleriñas de zume de limón e 1 culleriña de auga de rosas.
- Seguimos batendo.
- Preparamos un molde redondo duns 20 cm de diámetro. Engraxamos as paredes con aceite de xirasol e forramos o fondo con papel de forno.
- Vertemos a mestura no molde.
- Colocamos por enriba os albaricoques reservados.
- Enfornamos a 180º C durante 40 minutos, aproximadamente.
- Mentres a torta está aínda quente, pintámola con marmelada de albaricoque mesturada cunha culleriña de zume de limón.
- Espolvoreamos por enriba os pistachos finamente picados.
- Desmoldamos a torta canto estea fría.
Comentarios
Publicar un comentario
Encantaríame saber a túa opinión