Gústame o arroz de todas as maneiras , pero os risottos e arroces caldosos son os que máis me gustan. Este é un risotto moi sinxelo. O puntiño de curry e as distintas verduras, que ao facelas xuntas, collen distinto punto de cocción, as xudías e as cenorias quedan "ao dente" mentres que a cabaciña estará máis feita, fan que quede moi saboroso e agradable ao comelo.
Dificultade: Fácil.
Tempo aproximado: 30 minutos.
Alérxenos:
Ingredientes:
300 g de arroz redondo, 1 ceboliña mediana, 3 cenorias, 2 cabaciñas pequenas ou unha mediana, 1 presa de xudías, 1 litro de caldo de vexetais, 90 g queixo parmesano relado, 1 culleriña de curry, pementa negra moída, aceite de oliva virxe extra.Elaboración:
- Limpar e cortar a cenoria, a cabaciña e as xudías en anacos pequenos.
- Poñer nunha tixola unha culler de aceite e cando estea quente engadir os vexetais, deixar que se fagan a lume suave.
- Cando as cabaciñas empecen a coller cor engadir a culleriña de curry, remexer e retirar do lume. Reservar.
- Cortar a ceboliña en xuliana.
- Poñer un par de culleres de aceite nunha tarteira, engadir a cebolleta e deixala a lume suave ata que empece a coller cor.
- Engadir o arroz e remexer.
- Engadir unha taza de caldo, remexer e deixar cocer. A medida que o arroz vai absorbendo o caldo ir engadindo máis e remexendo de vez en cando.
- Cando o arroz estea medio cocido engadir a pementa e as verduras, remexer e seguir engadindo caldo ata que o arroz estea feito.
- Unha vez feito o arroz, e xa fóra do lume, engadir o queixo relado, remexer e servir inmediatamente.
- Pode servirse con unhas lascas de queixo parmesano.
Dificultade: Fácil.
Tempo aproximado: 30 minutos.
Alérxenos:
Comentarios
Publicar un comentario
Encantaríame saber a túa opinión