Esta é unha desas receitas que está máis rica ao día seguinte de cociñala. É unha receita clásica de elaboración moi sinxela, con poucos ingredientes e o único truco que ten é cociñala a lume lento.
Ingredientes:
1 kg de chocos limpos e en anacos, dúas cebolas medianas, catro pementos do "piquillo", catro culleres de tomate natural triturado ( ou un tomate mediano), un dente de allo, un vaso grande de viño branco, auga, aceite de oliva virxe extra, sal.Elaboración:
- Cortar a cebola en xuliana, poñela, xunto co dente de allo, nunha tixola cun pouco de aceite a pochar suavemente.
- Cando a cebola estea case feita engadir os pementos cortados en anacos.
- Engadir as culleres de tomate triturado, ou o tomate natural cortado en anacos.
- Cando o tomate estea feito pasar todo pola batedora de man.
- Poñer o puré nunha tarteira e engadir os anacos de chocos.
- Nun morteiro poñer as bolsiñas da tinta (pedir na peixería que as separen ao limpar os chocos).
- Machacar as bolsas para extraer a tinta, engadir o viño para disolvela.
- Engadir a tinta disolta á tarteira. Cada vez que botes a tinta disolta na tarteira faino cun coador, para non perder as bolsas.
- Repetir a operación usando auga ata que teñas o líquido suficiente.
- Deixar cocer todo a lume lento ata que os chocos estean brandos.
- Probar e rectificar de sal.
Dificultade: Fácil.
Tempo aproximado: 1 h e 30 minutos
Comentarios
Publicar un comentario
Encantaríame saber a túa opinión