Encántame a crema pasteleira e hai tempo que lle estou dando voltas a facer unha receita con ela, pero tamén lembrei que hai moito, moito tempo, que non tomo leite frito, que tamén me gusta moito, así que á faena.
En realidade o leite frito é moi fácil de facer e a única variación para facelo sen glute é a fariña que se usa para o rebozado, neste caso utilicei fariña de arroz. Esta sobremesa está maís rica quente ou morna, pero o bo é que se pode gardar na neveira e quentala uns segundos no microondas cando se queira comer, de todos os xeitos non vai durar moito tempo.
Ingredientes:
- 60 g de amidón de millo
- 60 g de azucre
- 500 ml de leite
- 3 xemas de ovo
- 1 pau de canela
- A pel de medio limón
- Fariña de arroz para rebozar
- 2 ovos para rebozar
- Aceite para fritir
Elaboración:
- Reservar un vaso de leite frío. Poñer o resto a ferver nunha tarteira, xunto co pau de canela e a pel de medio limón.
- Retirar a tarteira do lume en canto empece a ferver e mentres seguimos coa preparación.
- Mesturar o leite frío e o amidón de millo.
- Mesturar as xemas de ovo e o azucre.
- Mesturar as dúas preparacións anteriores.
- Botar un pouco de leite quente á mestura anterior, remexer. Engadir esta mestura ao leite da tarteira.
- Retirar o pau de canela e a pel de limón e volver a poñer ao lume suave toda a mestura.
- Remexer continuamente ata que a crema empece a espesar.
- Retirar do lume cando a crema estea suficientemente espesa, botala nunha fonte onde poidamos ter un altura dun centímetro aproximadamente. É conveniente untar, previamente, a fonte con manteiga.
- Cando a crema arrefríe un pouco tapala con filme pegado á superficie. Deixar repousar, ata o día seguinte, na neveira.
- Sacar da neveira e cortar en anacos ao gusto.
- Pasar cada anaco por fariña de arroz e ovo batido. Fritir en aceite ben quente.
- Ao sacar da tixola deixar os anacos sobre papel de cociña para que perdan aceite.
- Mesturar azucre e canela en po ao gusto para botar por enriba dos anacos de leite frito.
Dificultade: Fácil
Tempo aproximado: 1 hora máis o repouso.
Alérxenos:
Comentarios
Publicar un comentario
Encantaríame saber a túa opinión