De cando en vez teño ganas de facer os doces que antes mercaba nas pastelarías e que me encantaban. As galletas holandesas son un deses postres. A adaptación da receita, para facelas sen glute, é moi fácil e a receita tamén o é. Neste caso usei fariña de arroz integral pero creo que con fariña de arroz tamén quedarían moi ricas. A próxima vez deixarei parte da masa no conxelador para facelas en calquera momento que me apetezan.
Ingredientes:
- 300 g de fariña de arroz integral
- 150 g de manteiga fría en anacos pequenos
- 70 g de azucre glass
- 2 xemas de ovo
- 25 g de leite frío
- 1 culleriña de impulsor químico
- Azucre glass para decorar
Elaboración:
- Poñer todos os ingredientes na batedora e bater ata ter unha masa homoxénea.
- Envolver a masa en filme e deixala repousar na neveira uns 15 minutos.
- Acender o forno a 180ºC con calor arriba e abaixo.
- Estirar a masa ata que teña un grosor de aproximadamente 0,5 cm.
- Cortar as galletas cun corta pastas e poñelas, sobre papel sulfurizado, nunha bandexa de forno.
- Meter no forno durante uns 12 minutos ou ata que os bordos das galletas estean torrados.
- Sacalas do forno e deixar arrefriar.
- Botar azucre glass por enriba.
- Se non se queren facer todas as galletas a masa pode gardarse no conxelador.
Dificultade: Moi fácil
Tempo aproximado: 45 minutos
Alérxenos:
Comentarios
Publicar un comentario
Encantaríame saber a túa opinión