Torta de iogur e pistachos

Cando vin a receita desta torta, en "Canal Cocina", pareceume moi fácil e con ingredientes que me encantan, así que pensei que en canto tivese tempo ía adaptala para facela sen glute.

O biscoito queda bastante seco polo que é imprescindible bañalo con xarope, eu engadinlle, ao xarope, 
unhas pingas de zume de limón para rebaixar a dozura.



Ingredientes:

Biscoito:

  • 4 ovos
  • 60 g de amidón de millo
  • 60 g de fariña de arroz
  • 120 g de azucre
  • 8 g de impulsor químico

Recheo:

  • 500 g de iogur natural grego
  • 120 g de azucre glas
  • A pel relada dun limón
  • 120 g de pistachos sen casca
  • Froitos vermellos ao gusto

Ademais:

  • 150 g de auga
  • 150 g de azucre


Elaboración:

Biscoito:

  1. Acender o forno a 160ºC, con lume arriba e abaixo.
  2. Separar as xemas da claras dos ovos.
  3. Bater as claras ata punto de neve firme, reservar.
  4. Bater as xemas co azucre ata que aumente o volume e a cor sexa máis clara.
  5. Mesturar as claras coas xemas remexendo suavemente para que non baixen as claras.
  6. Ir engadindo aos poucos a mestura de fariñas e o impulsor. Remexer suavemente dende o fondo ata que a fariña estea ben integrada.
  7. Pasar a mestura a un molde de 20 cm de diámetro forrado con papel de forno.
  8. Meter no forno durante 35 minutos aproximadamente.
  9. Deixar arrefriar.
Montaxe da torta:
  1. Poñer nun cazo os 150 g de auga e os 150 g de azucre e ferver durante uns 5 minutos. Deixar arrefriar o xarope.
  2. Cortar o biscoito en dúas capas.
  3. Mollar cada unha das capas do biscoito co xarope ata que estea ben húmido, xa que este biscoito é un pouco seco.
  4. Mesturar o iogur e o azucre glas.
  5. Picar os pistachos golpeándoos cun rodete.
  6. Mesturar os pistachos e o iogur. Engadir a pel relada de limón.
  7. Colocar unha capa de biscoito e enriba dela a mestura de iogur e pistachos na cantidade necesaria para cubrila.
  8. Cubrimos coa outra capa de biscoito e estendemos o resto do iogur con pistachos sobre a parte superior e os laterais da torta.
  9. Decorar cos froito vermellos.

Dificultade: Fácil
Tempo aproximado: 1 hora e 30 minutos, hai que ter en conta o tempo que tarda o biscoito en arrefriar.
Alérxenos:









Comentarios