A empanada é unha desas cousas que botas de menos cando non podes tomar glute, e non queda outra que facela ti mesma. Nesta ocasión non quería complicar moito a receita e por iso optei por utilizar preparados panificables.
A mestura de grelos, lacón e pemento é boísima, se ademais engadimos queixo temos unha combinación que non pode fallar.
Coas cantidades indicadas podemos facer unha empanada duns 30 cm de diámetro.
Ingredientes:
Para a masa:
- 200 g de fariña Mix It Rústico de Schär
- 270 g de fariña Mix B Mix Pan de Schär
- 2 ovos, un para pincelar
- 100 ml de aceite de oliva
- 300 ml de auga
- 1 culleriña de fermento seco
- 1 culleriña de sal
Recheo:
- Unha presa de grelos
- 200 g de lacón cocido cortado en talladas
- 150 g de queixo Arzúa- Ulloa cortado en talladas
- Pemento doce
- 1 cebola mediana
- Aceite de oliva virxe
Elaboración:
Masa:- No vaso da amasadora poñemos as dúas fariñas xunto co sal e o fermento sen que se toquen.
- Engadir a auga morna, o aceite e un ovo.
- Mesturar todo ben ata conseguir unha masa homoxénea, envolvela nun filme e deixala repousar na neveira mentres preparamos o recheo.
- Poñer auga a ferver nunha tarteira cun pouco de sal.
- Cocer os grelos ata que estean tenros. Se prefires quitarlles o amargor, cambiar a auga despois de que fervan uns minutos e volver a poñer auga nova a ferver e engadir outra vez os grelos. Se se fai deste xeito engadir o sal na última auga.
- Sacar os grelos da auga e deixalos escorrer.
- Picar a cebola e poñela nunha tixola cun pouco de aceite de oliva, facer ao lume suave ata que estea transparente.
- Picar os grelos en anacos miúdos.
- Engadir os grelos á tixola coa cebola, remexer e deixar cociñar durante uns minutos.
- Dividir a masa en dous anacos iguais.
- Colocar cada anaco entre dous papeis de enfornar e estirar con axuda dun rodete.
- Formar dous círculos e reservar.
- Colocar unha das masas sobre a bandexa do forno sen retirar o papel da base. Engadir os grelos coa cebola repartíndoos por toda a superficie.
- Poñer por enriba dos grelos as talladas de lacón e botar un pouco de pemento, por último poñer as talladas de queixo.
- Tapar coa outra parte da masa e pechar o bordo.
- Pintar a superficie cun ovo batido.
- Meter a empanada no forno a 160ºC ata que estea dourada.
Dificultade: Media
Tempo aproximado: 1 hora e 30 minutos
Alérxenos:
Comentarios
Publicar un comentario
Encantaríame saber a túa opinión