Cogomelos e polenta

Esta receita é unha adaptación da que aparece no libro "El gourmet vegetariano" de Yotam Ottolenghi. É unha receita sinxela, tanto polo ingredientes que leva, como pola súa elaboración, de todos os xeitos cambiei algún ingrediente como, evidentemente, o queixo que na receita orixinal era un queixo italiano, e eu utilicei Arzúa -Ulloa. Pode facerse con cogomelos variados de calquera tipo ou cunha soa variedade.


Ingredientes:

  • 350 g de cogomelos variados
  • 1 dente de allo
  • 1 culleriña de tomiño moído
  • 80 g de polenta
  • 2 culleres sopeiras de queixo parmesano relado
  • 25 g de manteiga
  • 1 culler sopeira de perexil picado
  • 100 g de queixo Arzúa-Ulloa
  • 4 culleres de aceite de oliva virxe
  • Sal e pementa negra moída

Elaboración:

  1. Quentar a metade do aceite nunha tixola , unha vez quente engadir a metade dos cogomelos e cociñalos ata que estean feitos deixando que se douren un pouco.
  2. Repetir o proceso coa outra metade dos cogomelos.
  3. Retirar do lume e engadir o allo e o tomiño moi picados. Reservar os cogomelos.
  4. Cocer a  polenta seguindo as instrucións do paquete.
  5. Cando a  polenta estea lista engadir a manteiga, o queixo parmesano, a metade do perexil picado, sal e pementa negra moída.
  6. Quentar o forno coa grella ao máximo.
  7. Poñer a  polenta nunha fonte resistente á calor e cubrir con anaquiños de queixo Arzúa-Ulloa.
  8. Meter no forno ata que o queixo empece a dourarse un pouco.
  9. Sacar do forno e cubrir cos cogomelos, volver meter no forno para quentar.
  10. Servir quente poñendo o resto do perexil por encima.



Dificultade: Moi fácil

Tempo aproximado: 50 minutos

Alérxenos:





Comentarios