Empanada de mazá

Cantas ganas tiña de facer empanada de mazá. Aproveitando que me regalaron moitas decidín intentalo. Para facer a masa usei o MixB-Mix Pan de Schär, para asegurar que a masa saíse manexable. Quedou moi rica, aínda que a próxima vez vou facela máis pequena porque a masa seca enseguida, e ao día seguinte xa está un pouco dura, así que é mellor consumila no día.




Ingredientes:

470 g de MixB-Mix Pan de Schär, 225 ml de auga, 1 ovo, 40 g de manteiga en dadiños, 3 culleriñas de esencia de anís, 1 culleriña de sal, 1 culleriña de lévedo seco, 3 mazás grandes, azucre moreno, canela en po, azucre branco para adornar,1 ovo para pintar.


Elaboración:


  1. Para facer a masa mesturamos  os 470 g de MixB-Mix Pan de Schär, 225 ml de auga, 1 ovo,  3 culleriñas de esencia de anís, 1 culleriña de sal e 1 culleriña de lévedo seco, na amasadora.
  2. Cando a masa xa estea ben amasada engadimos a manteiga cortada en dadiños e amasamos outros 5 minutos máis.
  3. Deixamos repousar a masa unha hora a temperatura ambiente e tapada.
  4. Collemos 3/4 da masa total e estirámola ata ter un espesor de medio cm.
  5. Pelamos as mazás e cortámolas en láminas.
  6. Engadimos ás mazás azucre moreno e canela ao gusto.
  7. Distribuímos as mazás por enriba da masa estirada deixando libre un bordo duns 2 cm.
  8. Estiramos o resto da masa e poñémola sobre as mazás e a outra masa.
  9. Pechamos os bordos e facemos un burato no medio.
  10. Batemos 1 ovo e pintamos con el a superficie da empanada.
  11. Mesturamos azucre branco cun pouco de auga ata que quede como area mollada e distribuímolo por enriba da empanada.
  12. Quentamos o forno a 180ºC.
  13. Metemos a empanada no forno durante uns 40 minutos ou ata que estea dourada.
  14. Deixamos arrefriar.



Dificultade: Media
Tempo aproximado: 1 hora
Alérxenos:

Comentarios