Peras encurtidas

Encántanme os sabores agre doces, así que receita que atopo, receita que intento facer.
Estas peras quedan deliciosas en ensalada, danlle un punto distinto, iso si, como levan bastante vinagre á ensalada só lle boto aceite e sal. Aínda que non as probei penso que teñen que estar moi ricas acompañando a un queixo forte.
A primeira vez que as fixen deixei o xarope ao lume, e cando me lembrei atopei un bloque de carbón na tarteira, Esta vez non me separei da cociña ata que estivo feito. Sobroume parte do xarope e está gardado na neveira para aliñar algunha ensalada, creo que ten que ir moi ben, é moi aromático.



Ingredientes: 

1 kg de peras, 500 ml de vinagre de viño branco, 500 g de azucre, 1 pau de canela, 5 cravos, 1 culleriña de pementa negra, 1 culleriña de pementa verde, 5 cm de xenxibre cortado en toros, a pel dunha laranxa.


Elaboración:


  1. Poñer todos os ingredientes, agás as peras, nunha tarteira ao lume suave.
  2. Pelar as peras, quitarlles o carozo e cortar en cuartos.
  3. Cando o azucre estea totalmente disolto engadir as peras á tarteira.
  4. En canto as peras estean feitas e sen desfacerse sacalas da tarteira e reservar.
  5. Deixar ferver o líquido, a lume suave, ata ter un xarope.
  6. Poñer as peras nun bote de cristal e engadirlles o xarope. Pechar o bote e gardar na neveira. Canto máis tempo estean as peras no xarope máis saborosas estarán.



Dificultade: Moi fácil
Tempo aproximado: 30 minutos
Alérxenos: Non ten


Comentarios