Crema de cenorias caramelizadas e ras el hanout

Despois das festas o mellor é pasarse a receitas lixeiras e sas. Esta crema de cenorias caramelizadas é moi, moi fácil e está chea de sabor. Botei un chisco de bicarbonato sódico ás cenorias porque mantén o pH alto e facilita a caramelización. A idea atopeina no libro Modernist Cuisine.
A crema leva a mestura de especias ras el hanout, de orixe marroquí, que normalmente inclúe: pementa negra, comiño, cardamomo, noz moscada,canela, pemento, xenxibre, pero que cada persoa fai ao seu gusto puidendo levar outras herbas e especias.


Ingredientes:

1 kg de cenorias, aceite de oliva virxe extra, media culleriña de bicarbonato de sodio, sal, pementa negra, ras el hanout.


Elaboración:


  1. Pelar as cenorias e cortalas en anacos de aproximadamente 2 cm.
  2. Poñer a metade das cenorias nunha tarteira, engadir un pouco de aceite e o bicarbonato. Poñer ao lume suave e deixar que se cociñen ata que as cenorias estean carmelizadas.
  3. O resto das cenorias cocelas ao vapor.
  4. Cando todas as cenorias estean feitas mesturalas nunha tarteira ao lume e engadirlles auga.
  5. Engadir as especias e o sal ao gusto, deixar ferver uns 5 minutos e triturar para obter a crema.
  6. Pode servirse cun chisco de iogur ou nata.


Dificultade: Fácil.
Tempo: 1 hora.
Alérxenos: Se non se acompaña de lácteos non ten.

Comentarios