"Hamburguesas"de garavanzos con salsa de iogur e pementos

Sigo con receitas de legumes pero elaboradas de forma distinta á tradicional e apropiadas para o verán. 
Hai tempo que tiña ganas de facer "hamburguesas" vexetais e despois de investigar distintas receitas pareceume que esta , que é moi sinxela, podía estar ben. Encantáronme, vou volver facelas e conxelalas para poder consumilas en calquera momento. 
A salsa quedou moi rica co punto de picante. Se se prefire que non pique eliminar as guindillas da receita.



Ingredientes: 

400 g de garavanzos cocidos, 6 ou 7 pementos do piquillo, 2 cebolas pequenas, 1 culleriña de pemento doce, un chisco de comiño moído, unha culleriña de cilantro picado, 1 iogur natural, 2 ou 3 "guindillas" en vinagre pequenas, pementa negra moída, sal, aceite de oliva virxe extra.


Elaboración:


  1. Picar as cebolas en anacos pequenos, poñela na tixola cun pouco de aceite e deixar que se faga a lume suave ata que estea transparente.
  2. Cando a cebola estea feita engadir 2 ou 3 pementos moi picadiños.
  3. Engadir a culleriña de pemento doce e o chisco de comiño.
  4. Remexer e deixar facer uns minutos a lume suave.
  5. Aplastar os garavanzos cun garfo ou poñelos na batedora e trituralos un pouco sen facer un puré con eles. Teñen que quedar algúns garavanzos case enteiros.
  6. Engadir aos garavanzos o contido da tixola, sal, pementa negra moída e o cilantro picado, mesturar ben ata ter una masa que se poida moldear coas más.
  7. Coa masa feita facer as "hamburguesas" duns 7 cm de diámetro.
  8. Deixar repousar as "hamburguesas" na neveira para que collan consistencia. Poden deixarse ata o día seguinte.
  9. Para preparar a salsa poñer no vaso da batedora os pementos que non se usaron para as "hamburguesas", o iogur, as "guindillas", un pouco de aceite e sal.
  10. Bater todo ata ter unha salsa fina.
  11. Para facer as "hamburguesas", poñer un pouquiño de aceite na tixola e quentalo a lume forte, cando estea ben quente poñer as "hamburguesas" a fritir ata que estean douradas polos dous lados.
  12. Servir acompañadas da salsa e unha ensalada.


Dificultade: Fácil.
Tempo aproximado: 45 minutos.
Alérgenos: Non contén

Comentarios