Ensalada de garavanzos e bacallau

Os legumes gústanme moito, así que no verán adoito preparalos en ensaladas, como neste caso, con bacallau. A quen non lle guste o bacallau pode substituílo por atún ou algún afumado. 
Esta receita leva moi poucos ingredientes pero poden engadirse outros que nos gusten moito como tomate en anacos pequenos, cenorias reladas, etc...
Todas as ensaladas deste tipo son receitas moi fáciles e saborosas.  



Ingredientes:

500 g de garavanzos cocidos, 250 g de bacallau desalgado, 4 pementos do "piquillo", 1 dente de allo, 9 culleres de aceite de oliva virxe extra variedade Arbequina, 4 culleres de vinagre agridoce de Riesling , un chisco de comiño moído, perexil picado.



Elaboración:

  1. Se os garavanzos son de bote pasalos un pouco por auga fría. 
  2. Se se queren usar garavanzos secos, poñelos a remollo o día anterior e cocelos con unha cabeza de allo e un pouco de sal. Deixar que arrefríen.
  3. Poñer a ferver abundante auga cun pouco de leite, cando empece a ferver baixar o lume ao mínimo e botar o bacallau. Deixalo na auga quente ata que se separen as lascas.
  4. Cando o bacallau estea feito deixar que arrefríe, quitar a pel e separar as lascas, reservar.
  5. Picar en anacos moi pequenos os pementos e o dente de allo.
  6. Mesturar o aceite, o vinagre, os pementos, o allo, o chisco de comiño moído e o perexil. Bater todo cun garfo.
  7. Engadir a metade da vinagreta aos garavanzos.
  8. Mesturar os garavanzos co bacallau.
  9. Engadir o resto da vinagreta.



Dificultade: Moi fácil.
Tempo aproximado: 40 minutos
Alérxenos:


Comentarios