Brochetas de solombo de porco e mazá

Aínda que no me gusta moito a carne de vez en cando fago algún prato coma este. Son unhas brochetas mariñadas con soia e limón, ademais levan mazá, a carne queda zumenta e suave. É mellor poñer a carne a mariñar o día anterior ou, polo menos, unhas 3 horas antes de cociñala. Neste caso acompañei as brochetas cun arroz aromatizado con espárragos trigueiros, allo e xenxibre. Ao final quedou un prato moi saboroso e sinxelo.


Ingredientes:

500 g de solombo de porco, 2 mazás, un limón, 4 culleres de salsa de soia, 4 culleres de aceite de oliva virxe extra, 1 presa de espárragos trigueiros, 200 g de arroz (tipo basmati), 1 dente de allo, 1 anaco de xenxibre fresco do tamaño dun dente de allo, un pouco de aceite de oliva virxe extra para cociñar


Elaboración:


  1. O día anterior cortar a carne en dados de bocado. Poñer a carne nun recipiente coa salsa de soia, o zume de limón e o aceite. Reservar na neveira.
  2. Poñer unha tarteira ao lume con abundante auga e  cando estea fervendo engadir os espárragos cortados en anacos duns 2 cm. Escaldalos durante 2 minutos e logo pasalos a auga fría. Reservar.
  3. Á auga onde se escaldaron os espárragos engadirlle sal e cocer nela o arroz. Cando estea cocido coar e reservar.
  4. Pelar as mazás e cortalas en dados.
  5. Poñer un poquiño de aceite nunha tixola e saltear os cubos de mazá sen facelas de todo. Reservar.
  6. Montar as brochetas intercalando anacos de carne e de mazá. Empezar e rematar con carne.
  7. Facer as brochetas á plancha ata que estea a carne ben feita. Mentres se fan regalas co líquido da mariñada.
  8. Ao mesmo tempo poñer na tixola onde se fixeron as mazás o dente de allo e o xenxibre relados cun pouco de aceite. Engadir o arroz e remexer.
  9. Engadir ao arroz os espárragos e remexer. 
  10. Manter quente o arroz cos espárragos ata que as brochetas estean feitas. 
  11. Servir as brochetas acompañadas do arroz cos esparragos.




Dificultade: Fácil.
Tempo aproximado: 1 hora
Alérxenos:

Comentarios