Pemento do "piquillo" en conserva

Todos os anos ao final do verán compro pementos morróns vermellos para poñelos en conserva, pero este ano atopei pementos do "piquillo"frescos así que non dubidei en compralos. Eu consumo moito pemento do piquillo ao longo do ano así que non creo que duren moito, se volvo atopalos farei máis conservas. 



Ingredientes:

A cantidade de pementos do piquillo que se queira, aceite de oliva virxe extra.


Elaboración:

  1. Acender o forno a 200ºC.
  2. Lavar os pementos e colocalos nunha bandexa do forno sen que se amontoen.
  3. Botar por enriba dos pementos un pouco de aceite de oliva.
  4. Baixar a temperatura do forno a 180ºC.
  5. Meter a bandexa de pementos no forno.
  6. Deixalos durante uns 25 minutos, ata que a pel empece a separarse da carne e estea un pouco torrada nalgunhas zonas.
  7. Apagar o forno e deixar que os pementos arrefríen dentro.
  8. Cando os pementos estean fríos sacarlles a pel e as sementes.
  9. Meter os pementos en botes de conserva, sen nada de líquido,poñer as tapas.
  10. Meter os botes nun baño María durante uns 20 minutos, sacalos e deixalos arrefriar.
  11. Comprobar que estean ben pechados e gardalos.
  12. Pode engadirse aos botes  dentes de allo ou boliñas de pementa para aromatizar os pementos.

Dificultade: Facilísima.
Tempo aproximado: 1 hora e 30 minutos, máis o tempo que tardan en arrefriarse.
AlérxenosNon contén.