Crema fría de allo porro e aguacate

Coa calor sempre estou buscando receitas fresquiñas , fáciles de cociñar e que poida preparar con antelación. Esta crema fría cumpre todos eses requisitos. Para facela o máis importante é atopar aguacates no seu punto de maduración, cousa que ás veces non é fácil. No momento de servila eu utilicei pipas de xirasol tostadas e unhas pingas de tabasco, pero pode servirse con calquera outra cousa, ovo cocido picadiño, xamón, etc...


Ingredientes:

4 allos porros medianos, 2 aguacates no seu punto, 1 litro de caldo vexetal suave, 1 iogur, sal, pementa negra moída, froitos secos tostados e salsa tabasco, 1 lima, aceite de oliva virxe extra.


Elaboración:


  1. Lavar e picar os allos porros.
  2. Poñer, nunha tarteira, un pouco de aceite a quentar.
  3. Engadir os allos porros picados e facelos a lume suave.
  4. Cando empecen a estar transparentes engadir o litro de caldo vexetal, se o caldo está moi concentrado pódese engadir 0,5 l de caldo e 0,5 l de auga.
  5. Deixar cocer ata que os allos porros estean moi feitos.
  6. Pasalos á batedora e triturar.
  7. Engadir os dous aguacates pelados e o iogur e seguir triturando ata ter unha crema homoxénea.
  8. Engadir o zume da lima e volver a bater.
  9. Engadir sal e pementa negra ao gusto.
  10. Deixar arrefriar na neveira.
  11. Para acompañar torrar anacos de froitos secos, eu utilicei pipas de xirasol.
  12. No momento de servir engadir por enriba os froitos secos e unhas pingas de tabasco.



Dificultade: Facilísima.
Tempo aproximado: 40 minutos.
Alérxenos

Pódese prescindir do iogur


Comprobar que o caldo vexetal non leve apio



Pódese prescindir dos froitos secos

Comentarios