Experimento III: Pan sen glute de trigo sarraceno

Esta receita atopeina en Mamafermenta e pareceume tan fácil que pensei que tiña que facela axiña. O pan encantoume así que desde entón fágoo moito. É moi fácil de elaborar, é un pan con sabor e coa faragulla moi húmida o que fai que aguante bastante sen endurecer. Eu, normalmente, unha vez que arrefría córtoo en rebandas que conxelo para utilizar cando as necesito.

Ingredientes:

280 g de fariña de trigo sarraceno, 70 g de amidón de millo, 70 g de amidón de yuca, 8g de Psyllium en po, 6 g de sal, 1 g de lévedo de pan, 504 g de auga.



Elaboración:

  1. Mesturar todos os ingredientes ata ter unha mestura lisa e homoxénea.
  2. Tapar a masa e deixala repousar uns 30 minutos.
  3. Meter o bol coa masa na neveira e deixala durante toda unha noite.
  4. Pintar con aceite o molde que se vaia utilizar.
  5. Pasar a masa ao molde e deixar repousar 1 hora aproximadamente.
  6. Acender o forno a 250ºC.
  7. Se o forno ten función vapor poñela con vapor intenso, se non botar un vaso de auga na bandexa para producir vapor.
  8. Cocer o pan uns 45 minutos.
  9. Deixar arrefriar.




Dificultade: Fácil.
Tempo aproximado: 1 hora máis o repouso.
Alérxenos:
Non contén a non ser que se lle bote sésamo.