luns, 13 de xuño de 2016

Tortiñas de allo porro con salsa de iogur

Calquera prato que leve allo porro seguro que me gusta e as receitas de Yotam ottolenghi encántame, así que esta era unha combinación perfecta que hai tempo que tiña ganas de probar. Estas tortiñas, moi especiadas, son moi fáciles de preparar. A próxima vez que as faga arriscareime a botarlles máis "guindilla" e conseguir un puntiño máis picante. A mesturar e a salsa poden prepararse con antelación e facer as tortiñas no último momento. Se sobran poden gardarse na neveira un par de días e quentalas uns segundos no microondas antes de consumilas, seguen estando boísimas.


Ingredientes:

400 g de allo porro, 5 chalotas, 1 "guindilla" vermella fresca, 3/4 de culleriña de cilantro moído, 1 culleriña de comiño moído, 1/4 de culleriña de cúrcuma moída, 1/4 de culleriña de canela en po, 1/2 culleriña de sal, 1 ovo, 120 g de fariña de arroz, 1 culler de impulsor químico, 150 ml de leite, 55 g de manteiga derretida, aceite de oliva virxe extra.
Salsa:
100 g de iogur grego, 100 g de nata agre 2 dentes de allo, 2 culleres de zume de limón, 3 culleres de aceite de oliva, 1/2 culleriña de sal 30 g de follas de cilantro.



Elaboración:


  1. Cortar os allos porros en aros de 1/2 cm de grosor.
  2. Pelar e picar as chalotas.
  3. Poñer nunha tixola dúas culleres de aceite de oliva e engadir o allo porro e as chalotas. Facer a lume suave ata que estean transparentes.
  4. Mentres poñer nun recipiente todas as especias xunto coa "guindilla" picada moi fina e sen sementes.
  5. Cando os allos porros e as chalotas estean feitos pasalos ao recipiente anterior, engadir o sal e mesturar ben coas especias e a guindilla.
  6. Noutro recipiente poñer o ovo batido, engadir a fariña, o impulsor químico, o leite e a manteiga. Mesturar ben ata ter una crema homoxénea.
  7. Mesturar as dúas preparacións.
  8. Poñer un pouquiño de aceite nunha tixola e quentar ao lume medio.
  9. Cando o aceite estea quente coller unha culler ben chea da mestura e poñela na tixola, esmagala un pouco para darlle forma de tortiña. 
  10. Cando empece a coller cor polo lada de abaixo darlle a volta e deixar facer ata que colla cor.
  11. Retirar da tixola e reservar.
  12. Repetir o proceso ata rematar toda a mestura.
  13. Para a salsa picar as follas de cilantro e os dentes de allo. Mesturar todos os ingredientes.
  14. Servir as tortiñas xunto coa salsa.



Dificultade: Fácil.
Tempo aproximado: 1 hora e 15 minutos.
Alérxenos: