domingo, 1 de maio de 2016

Experimento II: Pan sen glute de trigo sarraceno con psyllium

Hai tempo que atopo en blogues e páxinas web receitas de pan sen glute utilizando psyllium. En todos os casos dise que fai que as masas sen glute sexan tan manexables como as que levan glute así que estaba desexan probalo. Cando por fin conseguín o psyllium en po faltoume tempo para facer un pan con el.
O resultado está bastante ben, a verdade é que a masa resultou moi fácil de manexar. O pan ten unha faragulla estupenda e un sabor moi rico. Recén feito está estupendo, ao día seguinte a faragulla seguía sendo moi boa pero a cortiza estaba un pouco gomosa. Como fixen bastante o conxeleino e fun coméndoo en días sucesivos, tostándoo lixeiramente. Despois de descongelarlo segue estando rico, pero a cortiza non me acaba de convencer. Volverei facer outro pan usando menos psyllium. 



Ingredientes:

500 g de amidón de millo, 300g de fariña de arroz branco, 100 g de fariña de trigo sarraceno, 50 g de leche en polvo, 20 g de sal, 30 g de psyllium moído, 7 g de fermento seco, 850 g de auga.


Elaboración:

  1. Mesturar ben todos os ingredientes secos agás o fermento.
  2. Coller 50 g de auga, dos 850, e quentala sen pasar dos 32ºC. Engadir o fermento e deixar repousar ata que aparezan burbullas na superficie.
  3. Poñer na amasadora os ingredientes secos e ir engadindo a auga pouco a pouco, cando o fermento estea listo engadilo tamén.
  4. Amasar ata que a masa empece a separarse das paredes do recipiente.
  5. Sacar do recipiente e amasar un pouco a man, a masa estará todavía moi pegañenta.
  6. Facer unha bóla e deixala nun recipiente tapada cun pano húmido, ata que duplique o seu volume. Como a masa non leva moita levadura a fermentación será lenta. Eu fixen a masa á tardiña e a deixei repousar ata o día seguinte.
  7. Unha vez que a masa levedou, volver a amasala coas mans e formar os boliños do tamaño e forma que se queira. Neste momento podes poñer sésamo por enriba dalgún pan ou utilizar outra semente.
  8. Deixar repousar os boliños durante unhas horas ata que leveden e o seu volume sexa o dobre.
  9. Quentar o forno a 190ºC coa bandexa dentro.
  10. Meter os pans no forno e se se ten función vapor engadirllo nese momento, senón, poñer dentro do forno un recipiente con auga.
  11. O tempo de cocción dependerá do tamaño dos pans. Eu fixen oito e estiveron no forno uns 25 minutos.


Dificultade: Media
Tempo aproximado: 1 hora máis o tempo que tarde en levedar a masa.
Alérxenos: