Torta de allos caramelizados

Cando atopei esta receita no libro "El gourmet vegetariano" de Yotam Ottolenghi, pensei que era un desafío, non acababa de convencerme unha receita con tanto allo. A min gústame o sabor que dá o allo ao cociñalo pero non me gusta comelo, así que pensei que ía ser difícil que me gustase esta torta. Cando a probei quedei sorprendida, os allos teñen un sabor moi suave lixeiramente doces e a combinación cos queixos e as herbas é perfecta. Está claro que a vou a repetir moitas veces. E ademais, cousa bastante importante, os allos non repiten nada¡¡¡


Ingredientes (para 4 moldes de 10 cm de diámetro):

1 prancha de masa follada sen glute, 24 dentes de allos, 60 g de queixo de cabra fresco, 60 g de queixo de cabra curado, 1 ovo, 100 ml de nata para montar, 1 culler de aceite de oliva virxe extra, 1 culleriña de vinagre balsámico, 1/2 culler de azucre moreno, 1 culleriña de romeu picado, 1 culleriña de tomiño picado, sal, pementa negra moída.


Elaboración:

  1. Estirar a masa e forrar os moldes con ela.
  2. Quentar o forno a 180ºC.
  3. Cubrir a masa con papel de forno e colocar peso enriba, meter no forno durante 20 minutos.
  4. Sacar os moldes do forno, retirar o peso e o papel de forno, volver a meter os moldes no forno durante 5 ou 10 minutos ata que a masa colla cor. 
  5. Sacar do forno e reservar.
  6. Mentres se coce a masa poñer os dentes de allo nun cazo ben cubertos de auga e quentar a lume suave. Deixar escaldar os dentes de allo durante uns 5 minutos, despois sacalos da auga e deixar que escorregen ben a auga.
  7.  No mesmo cazo, xa seco, poñer a culler de aceite e engadir os dentes de allo , fritilos a lume alto ata que empecen a estar dourados.
  8. Engadir a culleriña de vinagre e 200 ml de auga. Deixar ferver durante uns 10 minutos.
  9. Engadir o romeu, o tomiño e o azucre, baixar o lume e deixar fervendo durante uns10 minutos ata que se evapore a maior parte do líquido e os dentes de allo estean cubertos dun caramelo escuro.
  10. Cortar en anacos pequenos os dous tipos de queixo e repartilos nos moldes.
  11. Poñer en cada molde 6 dentes de allo e regalos co caramelo.
  12. Bater o ovo, mesturar coa nata e engadir un pouco de sal e pementa.
  13. Repartir a mestura anterior nos moldes de maneira que se vexan os dentes de allo e algúns anacos de queixo.
  14. Quentar o forno a 160ºC e meter os moldes. Deixalos ata que o recheo das tortas colla cor.
  15. Esparcir unhas poliñas de tomiño por enriba de cada torta.




Dificultade: Fácil
Tempo aproximado: 1 hora
Alérxenos:

Comentarios