Marmelada de 5 cítricos

Unha vez que empezas a tomar marmeladas caseiras xa é difícil volver ás comerciais, así que sigo aproveitando a tempada de cítricos, esta receita leva todos os que tiña a man. Non ten moita dificultade pero si que dá traballo cortar todas as froitas en toros finos. O número de pezas de cada cítrico pode cambiarse ao gusto pero de maneira que en total se teñan 2 kg de froita.
Para quitar amargor á marmelada cocín os pomelos e os limóns, por separado dúas veces, cambiando a auga e botando un chisco de sal na primeira cocción. A quen lle guste moi amarga pode omitir estes pasos.



Ingredientes:

2 laranxas, 6 mandarinas, 2 limóns, 1 pomelo vermello, 200 g de kumquat, 1200 g de azucre, 2 litros de auga.


Elaboración:

  1. Cortar as laranxas, as mandarinas os limóns e o pomelo en toros moi finos.
  2. Poñer o pomelo cortado nunha tarteira cuberto de auga, engadir un chisco de sal. Cando ferva tirar a auga, volver a poñelo na tarteira cuberto de auga ata que volva a ferver. Tirar a auga e reservar o pomelo.*
  3. Cos limóns facer o mesmo que os pomelos.*
  4. Cortar os kumquat en cuartos.
  5. Cando estean os pomelos e os limóns preparados, poñer todos os cítricos nunha tarteira cos dous litros de auga e o azucre. 
  6. Deixalos cocer a lume lento remexendo de vez en cando.
  7. Cando a marmelada chegue a 105º ou 104ºC estará feita.
  8. Pode gardarse na neveira ou en botes ao baleiro.
* Isto faise para que a marmelada non quede moi amarga.



Dificultade: Fácil.
Tempo aproximado: 3 horas.
Alérxenos: Non contén