Cebolas recheas

Esta é outra receita vexetariana do libro "El gourmet vegetariano" de Yotam Ottolenghi. Encántame descubrir novas maneiras de preparar receitas con verduras. Estas cebolas recheas están moi ricas, e aínda que podería parecer unha receita con certa dificultade, a verdade é que non dá moito traballo. Estou desexando volver a facelas e en maior cantidade, o día que as comimos quedamos con ganas de máis.



Ingredientes:

500 ml de caldo de verduras*, 350 ml de viño branco, 4 cebolas grandes, 90 g de queixo feta, 3 tomates pequenos maduros, 2 cebolas tenras pequenas, 120 g de faragulla de pan branco sen glute, perexil, sal, pementa negra moída, aceite de oliva virxe extra.

O caldo de verduras utilizado tiña apio, por iso aparece este ingrediente na lista de alérxenos.

Elaboración:

  1. Acender o forno a 180ºC.
  2. Poñer a ferver o caldo e o viño.
  3. Pelar e cortar as cebolas ao longo pola metade, ir sacando o corazón das cebolas ata quedar con dúas ou tres capas exteriores separadas. A parte da cebolas que non se utiliza nesta receita pode usarse para outras preparacións.
  4. Poñer as capas de cebola no caldo que está fervendo e cocelas ata que estean tenras. 
  5. Sacalas do caldo e deixar enfriar. Reservar o caldo.
  6. Nun bol mesturar o queixo esnaquizado, os tomates relados, o perexil picado, a faragulla esnaquizada, e as cebolas tenras cortadas en xuliana.
  7. Engadir un pouco de aceite, sal e pementa e mesturar todo ben coas mans ata ter unha especie de masa.
  8. Encher cada capa de cebola coa mestura anterior, pechala facendo un rolo.
  9. Colocar as cebolas recheas nunha fonte de forno, coa parte pola que pechan cara abaixo.
  10. Regar cun pouquiño de aceite e 75 ml de caldo.
  11. Meter as cebolas no forno uns 45 ou 50 minutos ata que collan cor e o recheo estea fervendo.
  12. Se quedan moi secas antes de estar feitas engadir un pouco máis de caldo.
  13. Servir quentes.

Dificultade: Fácil.
Tempo aproximado: 1 hora e 15 minutos.
Alérxenos:

Comentarios