domingo, 27 de marzo de 2016

Bombóns recheos de marmelada de mandarina

Cando decidín intentar facer bombóns recheos comprei un molde de policarbonato, dos que utilizan os profesionais. Despois de pasar o traballo de facelos, os bombóns non querían sáir do molde así que tiven que conxelalos para poder sacalos, ademais o tamaño dos bombóns non era o axeitado para facelos recheos. Esta vez collín o camiño máis fácil e utilicei un molde de silicona, todo foi máis sinxelo, o molde era máis pequeno e máis manexable. 
Utilicei chocolate do 55% de cacao porque era o que tiña na casa, a proxima vez usarei un chocolate máis negro. Para o recheo aproveitei a marmelada de mandarina que fixera había uns días. Seguirei probando con outros recheos.
Nota: Os alérxenos indicados refírense ao chocolate, polo tanto poden cambiar segundo a marca.


Ingredientes: 

250 g de chocolate (55%) sen glute, 2 culleres de marmelada de mandarina.

Utensilios:

Molde de silicona para 15 bombóns.


Elaboración:

  1. Fundir 150 g de chocolate ao baño maría ou no microndas. Se se fai no microondas quentar 30 segundos e remexer, volver a quentar 30 segundos e repetir ata que o chocolate estea fundido.
  2. Engadir ao chocolate fundido 50 g máis de chocolate sólido e remexer continuamente ata que todo estea fundido, así o chocolate estará atemperado.
  3. Encher os moldes dos bombóns completamente co chocolate fundido, deixar repousar un par de minutos.
  4. Dar a volta ao molde sobre unha bandexa e deixar caer o chocolate que aínda estea fluído.
  5. Recoller o chocolate sobrante e fundilo outra vez xunto cos 50 g restantes, deixar  un tercio da cantidade de chocolate sen fundir e engadilo despois ao chocolate fundido coma se fixo nos puntos 1 e 2.
  6. Limpar os bordos do molde e comprobar que os ocos de bombóns están cubertos dunha capa de chocolate.
  7. Deixar que o chocolate solidifique á temperatura ambiente se non vai moita calor ou senón no frigorífico.
  8. Poñer na batedora as dúas culleres de marmelada e engadir unha culler de auga, triturar ata ter unha crema un pouco espesa, se é necesario engadir máis auga.
  9. Cando o chocolate estea sólido encher os bombóns coa crema de mandarina ata un tercio da súa capacidade.
  10. Botar por enriba da crema de mandarina chocolate fundido, limpar o molde e comprobar que os ocos dos bombóns están totalmente recheos.
  11. Deixar repousar ata que o chocolate estea sólido.
  12. Retirar cada bombón do molde con coidado para que non rompan.



Dificultade: Media
Tempo aproximado: 1 hora incluído o tempo necesario para que o chocolate solidifique.
Alérxenos: