luns, 1 de febreiro de 2016

Coles de Bruselas con tofu e puré de patacas

Gústanme bastante as coles de Bruselas pero a verdade é que non as como moito, sempre as fago da mesma maneira e acaban aburríndome. Está receita sorprendeume porque as coles non se cocen fanse fritas. Ao final resultan moi saborosas e diferentes.
A receita é unha adaptación da que aparece no libro "El gourmet vegetariano" de Yotam Ottolenghi.

Ingredientes:

150 g de tofu, 500 g de coles de Bruselas, 120 g de cogomelos shiitake, 4 patacas medianas para cocer, 2 culleres de salsa de soia, 1 culleriña de vinagre de arroz, 1 culler de mel, 4 ceboliñas pequenas, 1 "guindilla", sal, pementa negra moída, aceite de oliva virxe extra, auga,, leite


Elaboración:

  1. Cortar o tofu en tiras dun cm de groso e cada tira cortala en dous anacos.
  2. Mesturar a salsa de soia, o vinagre de arroz e o mel.
  3. Poñer o tofu na mestura anterior e reservar.
  4. Pelar as patacas e cortalas en 4 anacos.
  5. Poñer as patacas a cocer en auga e leite (metade e metade), que as cubra. Engadir un pouco de sal.
  6. Cando as patacas estean cocidas, esmagalas cun garfo ata ter un puré con pequenos anacos de patacas sen esmagar.
  7. Probar e engadir sal e pementa negra moída ao gusto. Reservar o puré manténdoo quente.
  8. Limpar as coles de Bruselas, cortar o talo e quitar as follas exteriores. Cortalas en dous ou tres toros segundo o tamaño.
  9. Poñer  ao lume un poco de aceite no fondo dunha tarteira, cando estea quente engadir a metade das coles de Bruselas sen que se amontoen. 
  10. Botarlles un pouco de sal e deixar fritir ata que estean torradas polas dúas caras.
  11. Sacar as coles e reservar. 
  12. Botar o resto das coles na tarteira e repetir os pasos 9-11
  13. Cortar as cebolas en xuliana e a "guindilla" en aros.
  14. Poñer ,ao lume, un pouco de aceite na mesma tarteira que se utilizou para as coles, engadir a cebola e a guindilla. 
  15. Engadir os cogomelos e deixar que todo vai facéndose a lume lento durante uns 4 minutos.
  16. Sacar da tarteira e reservar xunto coas coles.
  17. Engadir outro pouco de aceite á tarteira e poñer os anacos de tofu, a lume medio. Darlles voltas  ata que estean caramelizados por todos os lados.
  18. Sacar o tofu e reservar.
  19. Poñer na tarteira as coles xunto coa cebola, os cogomelos e a guindilla, engadir o líquido onde estivo mariñando o tofu. Quentar ao lume suave durante uns 5 minutos.
  20. Servir poñendo os anacos de tofu por enriba e acompañadas de puré de patacas.

Dificultade: Media
Tempo aproximado: 50 minutos