Turrón de chocolate e laranxas confeitadas

Encántame a combinación de chocolate e laranxa, e como se achega o Nadal decidín facer un turrón de laranxa. Investiguei un pouco as receitas que aparecen na rede, pero ao final decidín facelo aproveitando a receita de laranxas confeitadas que publiquei hai un tempo.
Esta é das poucas receitas, deste blogue, nas que puxen dificultade alta, non se debe á preparación senón á montaxe e ao tempo que leva facela. Fai falta un molde de turrón, aínda que se non se ten pode substituírse por un tetrabrik de leite cortado ao longo e forrado con papel de forno. 

Ingredientes:

2 laranxas confeitadas, 175 g de chocolate sen glute do 70%, 150 g de chocolate sen glute 50%, 60 g de nata 35%, a  pel dunha laranxa sen a parte branca.
Utensilios: molde de turrón.


Elaboración:


  1. Ao facer as laranxas confeitadas engadir a pel da laranxa.
  2. Unha vez feitas as laranxas meter no forno, a secar, 3 ou catro toros e a pel. Reservar o resto no xarope.
  3. Fundir 150 g do chocolate do 70% meténdoo no microondas, quentalo 30 segundos, remexer e repetir ata que estea fundido.
  4. Cando o chocolate estea completamente fundido engadir os outros 25 g e remexer ata que todo estea fundido.
  5. Botar o chocolate no molde de turrón e movelo para que quede unha fina capa cubrindo todo o interior do molde. Darlle a volta e recoller sobre un papel de forno o chocolate que sobre.
  6. Deixar repousar ata que o chocolate estea duro, se é necesario metelo na neveira para que solidifique máis rápido.
  7. Facer puré coas laranxas confeitadas reservadas no xarope, pesar 190 g do puré.
  8. Quentar a nata e engadir o chocolate do 50%, remexer ata que o chocolate estea derretido.
  9. Engadir o puré de laranxas e remexer ata ter unha crema homoxénea.
  10. Encher o molde coa crema anterior, non encher ata arriba de todo para logo poder selar o turrón. Comprobar antes que a capa de chocolate negro estea endurecida.
  11. Colocar enriba da crema tres toros de laranxa confeitadas secadas no forno.
  12. Deixar arrefriar o turrón no conxelador.
  13. Volver a fundir o chocolate do 70% que sobrou de cubrir o molde.
  14. Botar o chocolate fundido por enriba do turrón para selalo.
  15. Esperar a que o chocolate estea duro.
  16. Sacar o turrón do molde.
  17. Triturar a pel de laranxa que se secou no forno, ata que quede coma unha area grosa.
  18. Botar a area de pel de laranxa por enriba do turrón.
  19. Gardar o turrón na neveira.
  20. Sacar da neveira antes de consumir.


Dificultade: Alta
Tempo aproximado: 3 horas

Comentarios