domingo, 27 de decembro de 2015

Semifrio de turrón con grosellas

Despois das festas non é raro que quede algunha tableta de turrón dando voltas na despensa, esta receita é unha maneira moi fácil de aproveitalo. Seguramente a estas alturas das festas xa estamos fartos de doces por iso puxen no medio do semifrío unhas grosellas que lle dan un punto ácido e non o fan tan pesado.
O semifrío é case coma un xeado pero moito máis fácil de elaborar, non se necesita ningunha máquina especial para facelo e os ingredientes son ben simples.



Ingredientes:

3 ovos, 200 g de turrón brando sen glute, 100 g de nata (35%) moi fría sen glute, un chisco de sal, unha presa de grosellas.

Elaboración:


  1. Poner  a nata na batedora e semimontala. Reservala na neveira.
  2. Separar as xemas das claras.
  3. Montar as claras a punto de neve, engadindo o chisco de sal, reservar na neveira.
  4. Esmagar o turrón  e poñelo na batedora xunto coas xemas. Bater ata ter unha crema homoxénea.
  5. Mesturar a crema do paso anterior coa nata, facelo con suavidade para que a nata non baixe.
  6. Engadir a metade das claras a punto de neve e mesturar con suavidade.
  7. Cando a metade das claras estean ben mesturadas engadir a outra metade e seguir remexendo con suavidade ata ter unha crema homoxénea.
  8. Encher, ata á metade, os moldes individuais coa crema, poñer unhas poucas grosellas e volver a engadir crema ata encher o molde. 
  9. Gardar no conxelador 24 horas.



Dificultade: Baixa
Tempo aproximado: 40 minutos