Empanada de croques ou berberechos

Para min a empanada de berberechos con masa de fariña milla sempre foi a mellor. Agora que non podo tomar glute a cousa complícase un pouco máis, porque aínda que sexa de millo, normalmente bótaselle un pouco de fariña de centeo ou de trigo. Así que se quero empanada teño que facela eu e aquí está, a verdade que saíu ben rica.



Ingredientes

Para a masa: 
325g de fariña milla,100 g de fariña sen glute, 5 g de lévedo seco, 200 g de auga, 1 ovo, 60 g de aceite de oliva virxe extra, 5 g de sal. 
Para o recheo:
1,5 kg de croques frescos, 1 cebola grande, 4 pementos do "piquillo", azafrán, sal, aceite de oliva virxe extra.


Elaboración:

Masa:
  1. Poñer a metade da auga nun vaso e quentala un pouco, que non pase de 30ºC, engadir o lévedo e deixar repousar ata que teña escuma.
  2. No bol da amasadora poñer as dúas fariñas, o sal, o resto da auga e o ovo, comezar a amasar.
  3. Engadir o lévedo e seguir amasando.
  4. Terminar de amasar coas mans.
  5. Facer unha bóla coa masa e deixala nun recipiente tapada cun pano húmido e morno. Para manexar a masa untar as mans de aceite e untar tamén o recipiente onde vai repousar. 
  6. Deixar que repouse unha hora ao lado da cociña mentres se fai o recheo.
Recheo:
  1. Poñer os croques nunha tarteira a lume suave e deixar ata que  abran co seu vapor.
  2. Deixar arrefriar, gardar unha pouca da auga que soltaron ao cocer. Sacar os moluscos das cunchas, reservar. 
  3. Picar a cebola e poñela nunha tixola cun pouco de aceite, facela a lume suave ata que estea branda.
  4. Engadir os pementos cortados en anacos pequenos e seguir cociñando.
  5. Candos os pementos e a cebola estean feitos engadir os croques, o azafrán e o xamón picado.
  6. Engadir un pouco de auga da cocción dos berberechos.
Montaxe:
  1. Acender o forno a 220ºC.
  2. Dividir a masa en dous anacos, un un pouco máis grande que o outro.
  3. Poñer o anaco de masa máis grande entre dous papeis de forno e estiralo cun rodete, será a base da empanada.
  4. Estender por enriba o recheo.
  5. Estirar da mesma maneira o resto da masa para facer a tapa da empanada.
  6. Poñela por enriba do recheo. Pechar os bordes enrolándoos.
  7. Meter ao forno uns 40 minutos.



Dificultade: Media.
Tempo aproximado: 1 hora.


Comentarios