Menestra de verduras con salsa requeixo e harissa

A harissa é unha salsa picante típica da cociña magrebí. Normalmente leva pementos vermellos picantes, allo, distintas especias e aceite de oliva. Nesta receita utilízase para facer unha salsa con requeixo, que suaviza un pouco o picante da harissa, de todas maneiras é recomendable ir engadindo a harissa ao requeixo pouco a pouco ata conseguir o punto de picante desexado.




Ingredientes:

1 cebola, 2 allos porros, 1 cabaciña, 6 cenorias, unha presa de espárragos trigueiros, 2 presas de chícharos, 1 dente de allo, 6 culleres de requeixo, 1 culler de salsa harissa, unha poliña de cecimbre, 1 poliña de perexil, un chisco de pemento picante, un chisco de comiño, un chisco de pementa negra moída, aceite de oliva virxe extra.


Elaboración:


  1. Pelar e cortar as cenorias e o resto das verduras.
  2. Poñer a cocer as cenorias en auga con sal, cando case están cocidas sacer da auga e pasalas a auga fría. Reservar.
  3. Facer o mesmo cos chícharos e os espárragos.
  4. Reservar a auga de cocción das verduras.
  5. Noutra tarteira poñer un pouco de aceite a lume suave. Engadir a cebola, o allo porro, un chisco de pemento picante, un chisco de comiño e o cecimbre e perexil picados. Remexer.
  6. Cando a cebola e o allo porro empecen a estar transparentes engadir a cabaciña cortada en dados. Remexer.
  7. Engadir o resto das verduras agás os espárragos.
  8. Engadir unha taza da auga de cocción.
  9. Deixar cocer ata que a auga se reduza á metade.
  10. Mesturar o requeixo e a salsa harissa, engadir o dente de allo moi picado e sal ao gusto.
  11. Servir a menestra quente, poñer en cada ración dous ou tres espárragos e un pouco da salsa de requeixo e harissa.



Dificultade: Fácil.
Tempo aproximado: 1 hora.

Comentarios