Vanse acabando os figos e hai que aproveitalos ata o último momento. Esta é unha tarta fácil e rápida de facer, os figos quedan caramelizados e contrastan co glaseado de limón. Eu fixena con queixo do Cebreiro, un queixo fresco galego de leite de vaca, pero pode utilizarse calquera outro queixo brando.
Ingredientes:
150 g de queixo do Cebreiro, 2 ovos pequenos, 100 g de améndoa moída, 20 g de azucre moreno, 600 g de figos, 1 prancha de masa follada sen glute, 75 g de azucre glass, o zume de medio limón, unha culler de follas de tomiño, a pel relada de medio limón.Elaboración:
- Estirar a masa o suficiente para cubrir un molde duns 25x15 cm.
- Pinchar a masa para que non suba. Reservar
- Nun procesador de alimentos mesturar o queixo, os ovos, 10 g de azucre moreno, o tomiño, a pel relada de limón e a améndoa, ata ter unha mestura homoxénea.
- Botar a crema de queixo no molde, sobre a masa follada.
- Cortar os figos pola metade.
- Cubrir todo o molde cos figos, botar 10 g de azucre moreno por enriba.
- Cubrir a tarta con papel de aluminio e deixar repousar una 20 minutos.
- Quitar o papel de aluminio e meter a tarta 30 minutos no forno a 170ºC.
- Mentres mesturar o azucre glass e o zume de limón.
- Cando os figos estean caramelizados e a masa dourada sacar do forno e botarlle por enriba a mestura de azucre e limón.
- Servir quente ou a temperatura ambiente.
Receita adaptada de Ottolenghi.
Dificultade: Fácil.
Tempo aproximado: 1 hora e 10 minutos.
Comentarios
Publicar un comentario
Encantaríame saber a túa opinión