Esta receita é a adaptación dunha que aparece no libro "Arzak recetas" e creo que a combinación do biscoito de chocolate, que leva manteiga, e a piña, fai que sexa un postre maís lixeiro e dixestivo.
Encántame a piña e o brownie, que é un dos meus biscoitos preferidos, así que este postre non dura moito.
Ingredientes:
125 g de manteiga, 70 g de chocolate (55%), 4 ovos, 150 g de azucre, 80 g de noces peladas, 60 g de amidón de millo, 1/2 piña mediana madura, 1/2 vaíña de vainilla, media culleriña de xantana*.*En vez de xantana pode usarse xelatina para espesar un pouco a salsa de piña
Elaboración:
- Acender o forno a 180ºC, arriba e abaixo.
- Partir as noces en anacos non moi pequenos.
- Mesturar as noces e a fariña.
- Forrar o molde con papel de forno.
- Bater os ovos e o azucre ata que dobre o volume.
- Fundir o chocolate e a manteiga no microondas, ou ao lume moi suave.
- Engadir a manteiga e o chocolate fundido pouco a pouco á mestura de ovos e azucre.
- Engadir a fariña e as noces á mestura anterior, remexendo con suavidade.
- Pasar a mestura ao molde e meter no forno durante 25 minutos.
- Deixar arrefriar ben antes de sacar do molde.
- Pelar e cortar a piña.
- Triturala ata ter un puré.
- Pasar o puré polo coador e poñer o licuado de piña nun cazo coa vaíña de vainilla aberta. Se a piña non está moi madura botar un pouco de azucre ao gusto.
- Poñer a lume suave e cando empece a ferver engadir a xantana batendo forte para que non faga grumos.
- Deixar arrefriar e servir xunto co brownie.
Suxestión: Tamén pode acompañarse o brownie con noces e anacos de piña caramelizados.
Dificultade: Media.
Tempo aproximado: 50 minutos
Comentarios
Publicar un comentario
Encantaríame saber a túa opinión