sábado, 4 de xullo de 2015

Xeado de leite merengado

Este é un xeado moi sinxelo e cun sabor moi rico que lembra un pouco ao arroz con leite. Para conseguir que sexa máis cremoso pode engadirse algún dos preparados, sen glute, para xeados que hai no mercado. Eu probei co neutro para xeados de Dayelet e a verdade quedou cunha textura moi boa.





Ingredientes:

300 g de leite, 1 pau de canela, 2 limóns, 250 g de nata (35%), 70g de azucre, 10 g do neutro para xeados de Dayelet.


Elaboración:


  1. Poñer o leite, o azucre, o pau de canela e a pel dun limón nun cazo ao lume suave ata que empece a ferver.
  2. Retirar do lume e deixar arrefriar ata a temperatura ambiente.
  3. Coller 250 g do leite infusionado deixando nel o pau e a pel de limón.
  4. Engadir a nata e deixar repousar na neveira ata o día seguinte.
  5. Retirar o pau de canela e a pel do limón.
  6. Engadir o neutro para xeados e mesturar coa batedora.
  7. Engadir a pel doutro limón relada moi fina.
  8. Poñer a mestura na máquina de xeados* para mantecar.
  9. Gardar no conxelador.
  10. Para servir sacar do conxelador uns 10 minutos antes.


*Pode facerse sen máquina metendo a mestura no conxelador ata que empece a conxelar, entón sácase e bátese, repítese esta operación ata que o xeado quede cremoso.

Dificultade: Media
Tempo aproximado: 30 minutos en elaborar máis o tempo de repouso.