Pastel de dous salmóns

O salmón fresco non é un dos meus peixes favoritos, porén cando o probei nesta preparación gustoume moito pola mestura con salmón afumado e os vexetais. Esta receita é realmente fácil e é estupenda para preparar con antelación e tela fresquita para o momento de consumila. Pode acompañarse dunha salsa tipo maionesa ou dunha vinagreta.





Ingredientes:

450 g de salmón fresco sen pel nin espiñas, 150 g de salmón afumado, 3 ovos, 250 ml de nata para cociñar, 3 culleres de ceboliño fresco picado, 4 pementos do "piquillo", pementa negra moída, un chisco de sal.


Elaboración:


  1. Cortar o salmón fresco  en dados.
  2. Poñer nun procesador todos os ingredientes* agás o salmón afumado.
  3. Triturar ata que o salmón estea en anacos de 1 ou 0,5 cm.
  4. Poñer a metade da mestura nun molde de cake**.
  5. Distribuír o salmón afumado por enriba.
  6. Botar o resto da mestura no molde.
  7. Quentar o forno a 180ºC cunha bandexa con auga.
  8. Cociñar ao baño maría durante 1 hora.
  9. Sacar do forno e deixar arrefriar.
  10. Sérvese frío e pódese acompañar dunha salsa.


*Non botar moito sal xa que o samón afumado adoita estar moi salgado.
**Pode utilizarse un molde de silicona, se o molde é de cristal ou metal untalo de manteiga e cubrir as paredes con pan relado sen glute.

Dificultade: Fácil
Tempo aproximado: 1 hora e 30 minutos

Comentarios