Xeado de queixo e aceite de oliva

Encántanme os xeados e cada vez teño máis ganas de experimentar con novos sabores. Non hai moito tempo probei nun restaurante un de cebola que estaba riquísimo.
Este xeado de queixo e aceite de oliva é moi, moi fácil de facer, o sabor que predomina é o do queixo,  o aceite dalle un punto final moi agradable. Utilicei a variedade arbequina, é un aceite que me gusta moito pola súa suavidade e os aromas afroitados que ten.


Ingredientes:

300 g de queixo fresco, 200 ml de nata (35%), 150 ml de aceite de oliva virxe extra variedade arbequina, 75 g de azucre, 75 ml de auga.


Elaboración:


  1. Poñer a ferver durante 2 ou tres minutos a auga co azucre.
  2. Mentres bater o queixo e a nata ata que estean ben mesturados.
  3. Engadir o xarope, seguir batendo.
  4. Engadir o aceite e seguir batendo ata que todo estea ben mesturado.
  5. Reservar a crema na neveira ata que estea ben fría.
  6. Poñer a crema na máquina de xeado ata que se forme un xeado cremoso.
  7. Gardar o xeado no conxelador. Para servir sacalo do conxelador uns 10 minutos antes.


Dificultade: Fácil.
Tempo aproximado: 20 minutos,  máis o tempo de repouso na neveira.

Comentarios