Torradas de polenta con xoubiñas en conserva

A polenta de millo permite cociñar de maneira fácil e rápida unha "especie" de pan que se pode utilizar de moitas maneiras. Neste caso fixen unhas torradas de polenta para acompañar unhas xoubiñas en conserva, ademais a receita leva cebola pochada e pementos de "piquillo" así que me  lembra bastante a unha empanada. Cando nunha receita utilizo conservas de peixe ou marisco procuro que sexan da mellor calidade, isto marcará a diferenza  no resultado da receita.


Ingredientes:

150 g de polenta sen glute, 750 ml de auga, sal, herbas provenzais, pementa negra moída, 2 cebolas medianas, 6 pementos do "piquillo", 1 lata de xoubiñas en aceite, aceite de oliva virxe extra.


Elaboración:


  1. Poñer a auga a ferver, engadirlle sal ao gusto, herbas provenzais e pementa negra.
  2. Cando a auga ferva engadir a polenta e remexer uns 2 minutos.
  3. Retirar do lume e deixar repousar uns 5 minutos.
  4. Estender a polenta nunha capa de, aproximadamente, 1 cm de espesor sobre papel do forno.
  5. Meter a polenta no forno ata que estea torrada.
  6. Sacar do forno deixar arrefriar e cortar en rectángulos. Reservar.
  7. Cortar a cebola en xuliana.
  8. Poñer a pochar a cebola cun pouquiño aceite de oliva, facer a lume suave.
  9. Cando a cebola empece a coller cor cortar os pementos en tiras e engadilos, remexer e deixar cociñar uns minutos.
  10. Poñer a cebola e os pementos sobre os rectángulos de polenta torrada. Colocar un par de xoubiñas sobre cada rectángulo.
  11. Poñer un pouco de cebollino sobre as xoubiñas.



Dificultade: Facilísima.
Tempo aproximado: 1 hora

Comentarios