Experimento I: Pan de barra con fariña de arroz

Hai tempo que xa me convencín de que o pan sen glute nunca será como o pan con glute. Pódese dicir que algúns pans sen glute están bos cando están quentes, pero cando pasan unhas horas, a maioría deles non teñen nada que ver co pan con glute. Por iso non cociño con moita frecuencia pan, aínda que neste blog hai algúns exemplos. A receita de hoxe é moi fácil, para ser unha receita sen glute, o pan resultante está bo recén feito e a miga non se desfai aínda que quedou un pouco densa. A verdade é que comín unha das barras en canto arrefriou. Para consumilo ao día seguinte é mellor quentalo. Non probei a conxelalo. Neste caso utilicei fariña de arroz glutinoso que é un arroz con moito amidón, cómproo nun supermercado asiático e fago a fariña na casa.
Esta receita é a primeira de novos intentos, que penso facer, para intentar conseguir un pan fácil, por iso leva o título de experimento I. 





Ingredientes:

175 g de fariña de arroz glutinoso, 200 g de amidón de pataca, 60 de amidón de tapioca, 4 g de sal, 15 g de azucre, 4 g de xantana, 10 g de lévedo seco, 3 claras de ovo, 15 ml de aceite de oliva virxe extra, 5 ml de vinagre de mazá, 250 ml de auga a 35ºC.


Elaboración:


  1. Mesturar todos os ingredientes secos na batedora.
  2. Engadir as claras de ovo, o aceite e o vinagre e seguir batendo.
  3. Engadir a auga pouco a pouco ata ter unha masa homoxénea e branda.
  4. Pasar a masa a un molde de dúas barras de pan.
  5. Coas mans molladas dar forma ás barras e alisar a superficie. Como a masa é moi branda escapará polos buratos que teñen os moldes de pan así que non apretar moito a masacontra o molde.
  6. Facer uns cortes na superficie da masa de cada barra.
  7. Poñer o forno a 220ºC e colocar unha bandexa con auga para ter vapor durante a cocción.
  8. Cocer as barras durante uns 30 ou 35 minutos.
  9. Sacar do forno e deixar arrefriar.


Dificultade: Media
Tempo aproximado: 50 minutos.

Comentarios