Xeado de xenxibre

O xenxibre é un talo subterráneo carnoso con forte sabor picante e un característico aroma. Utilízase moito na cociña asiática como especia, tamén se consume encurtido, esta é a maneira en que probei por primeira vez o xenxibre, entón pareceume excesivamente aromático, mesmo o chamaba "iso que sabe a xabón". Agora encántame de todas as maneiras tanto encurtido como doce e creo que a combinación con chocolate é deliciosa.





Ingredientes:

Xarope de xenxibre: 200 g de auga, 150 g de azucre, 200 g de xenxibre fresco cortado en láminas finas.
Xeado: 500 ml de leite enteiro, 1 vaíña de vainilla, 3 xemas de ovos, 3 cravos, 75 g de azucre, 2 culleres de azucre invertido, 4 culleres de xarope de xenxibre,  3 anacos de xenxibre confeitado picado moi fino, 1 culler de amidón de millo.



Elaboración:

  1. Para facer o xarope de xenxibre poñer todos os ingredientes nunha tixola e quentar a lume suave durante 15 minutos. Reservar.
  2. Poñer 2/3 do leite a quentar nun cazo, xunto ca vaíña de vainilla, os cravos, a metade do azucre e o azucre invertido. Separar do lume antes de que empece a ferver.
  3. Nun recipiente a parte mesturar as xemas de ovos coa outra metade do azucre, o resto do leite e o amidón de millo.
  4. Botar un pouco do leite quente sobre a mestura de xemas e remexer. Engadir a mestura ao cazo e volver a quentar remexendo ata que espese a crema.  
  5. Retirar do lume e coar a crema. Engadir o xarope de xenxibre e o xenxibre confeitado, remexer.
  6. Reservar a crema na neveira ata que estea ben fría.
  7. Poñer a crema na máquina de xeado ata que se forme un xeado cremoso.
  8. Gardar o xeado no conxelador. Para servir sacalo do conxelador uns 10 minutos antes.

Como facer barquillos sen glute?

Dificultade: Media.
Tempo aproximado: 1 hora  máis o tempo de repouso na neveira.