mércores, 5 de novembro de 2014

Fabas con berberechos

Ingredientes:

500 g de fabas*, 1 kg de berberechos, 2 dentes de allo, 2 cenorias, perexil, azafrán, aceite de oliva virxe extra, sal, pementa negra moída.



*Neste caso eran frescas polo que tardan moi pouco en cocerse. Se se utilizan fabas secas poñelas en remollo o día anterior.

Elaboración:

  1. Poñer nunha tarteira as fabas, as cenorias e os dentes de allo enteiros, cubrir de auga e cocer a lume lento.
  2. Poñer os berberechos nunha tarteira e abrir ao vapor. 
  3. Cando os berberechos estean feitos, sacalos das cunchas. Coar e reservar a auga que soltan.
  4. Cando as fabas estean cocidas retirar do lume e sacar da tarteira os dentes de allo e as cenorias.
  5. Poñer un pouco de aceite nunha tixola, engadir os dentes de allo cocidos coas fabas, aplastalos e deixar que collan un pouco de cor.
  6. Triturar as cenorias cocidas e engadilas á tixola.
  7. Picar o perexil e engadilo á tixola, remexer e engadir os berberechos e o azafrán.
  8. Botar o contido da tixola sobre as fabas, remexer e engadir un pouco da auga que soltaron os berberechos, deixar cocer ao lume suave.
  9. Rectificar de sal e engadir un pouco de pementa.


Suxestión: A receita pode facerse con berberechos e fabas cocidas, en conserva.

Dificultade: Fácil.
Tempo aproximado: 30 minutos (as fabas secas tardarán máis en cocer)