Tarta de mousse de amorodos cuberta de chocolate

Ingredientes:

Para o biscoito: 4 ovos, 4 culleres de azucre, 4 culleres de améndoa moída, 1 culler de maizena.

Para a mousse de amorodos: 200 g de amorodos, 200 g de nata (35%), 50 g de claras de ovos, 65 g de azucre, 15 g de auga, 6 g de xelatina.

Para a cobertura de chocolate: 150 g de chocolate de cobertura, 150 g de nata, 70 g de manteiga.






Elaboración:

Biscoito

  1. Acender o forno a 180ºC.
  2. Separar as claras das xemas dos ovos.
  3. Bater as claras a punto de neve.
  4. Engadir o azucre e seguir batendo.
  5. Engadir as xemas e seguir batendo.
  6. Engadir, pouco a pouco, a améndoa e a maizena e mesturar sen bater.
  7. Estender a crema sobre unha bandexa de forno forrada con papel.
  8. Meter no forno ata que empeza a dourarse.
  9. Sacar do forno e reservar.

Mousse

  1. Poñer a xelatina a remollo en auga fría.
  2. Poñer os amorodos limpos e cortados nun cazo, quentalos ata que se abranden.
  3. Facer cos amorodos un puré, poñelo a lume suave e engadirlle a xelatina ben escorregada. Reservar.
  4. Bater as claras a punto de neve forte. Cando estean ben batidas engadir 15 g de azucre e seguir batendo.
  5. Poñer 50 g de azucre xunto cos 15 g de auga nun cazo ao lume ata que acaden 121ºC.
  6. Engadir o xarope do punto anterior, ao merengue, despacio e sen deixar de bater. ata que a mestura arrefríe. O merengue feito deste xeito chámase merengue italiano. Reservar.
  7. Bater a nata ata que estea semi-montada.
  8. Mesturar o puré de amorodos co merengue italiano, facelo suavemente para que o merengue non baixe.
  9. Engadir á mestura anterior a nata semi-montada, remexer suavemente para que non baixe.

Cobertura

  1. Poñer a nata nun cazo ao lume.
  2. Relar o chocolate.
  3. Cando a nata empece a ferver botala enriba do chocolate e remexer ata que se desfaga totalmente.
  4. Engadir a manteiga ao chocolate remexer ata que se funda totalmente. Reservar.

Montaxe:

  1. Cortar a plancha de biscoito do tamaño do fondo dun molde duns 22 cm de lado (ou diámetro).
  2. Poñer o biscoito no fondo do molde e botar a mousse por enriba. Meter no conxelador.
  3. Cando xa estea conxelado sacar do conxelador e bañar coa cobertura de chocolate.
  4. Gardar na neveira ata o momento de servir.



Dificultade: Media.
Tempo aproximado: 1 hora e 30 minutos (máis o tempo que tarda en conxelar)

Comentarios