Pementos do piquillo recheos de carne

Ingredientes:

1 bote* de pementos do "piquillo" enteiros, 250 g de carne picada (metada tenreira meteade porco), 1/2 dente de allo, 2ou 3 pólas de perexil, 2 rebandas de pan de molde sen glute, 4 culleres de leite, 2 ovos, fariña sen glute PAN, 2 cebolas grandes, sal, pementa negra moída, aceite de oliva virxe extra.
*Uns 14 pementos.




Elaboración:


  1. Poñer as rebandas de pan no leite e desfacelas ata ter unha masa máis ben líquida, se é necesario engadir un pouco máis de leite do indicado nos ingredientes.
  2. Picar moi fino o allo e o perexil.
  3. Mesturar a carne, o allo, o perexil e o pan con leite.
  4. Engadir á mestura anterior media culleriña de sal e un pouco de pementa negra, remexer. Reservar.
  5. Sacar o pementos do bote reservando o líquido. Escoller os pementos que estean enteiros e reservar os rotos se é que os hai.
  6. Cortar os pementos, pola parte máis ancha, de maneira que todos queden do mesmo tamaño aproximadamente. Reservar os recortes.
  7. Encher cada pemento  coa mestura de carne e pechalo cun escarvadentes.
  8. Poñer nunha tixola aceite a quentar.
  9. Pasar cada pemento pola fariña e o ovo batido, fritir na tixola ata que estean dourados polas dúas caras, sacar da tixola e reservar. Reservar o aceite na tixola.
  10. Picar as cebolas e poñelas a "pochar" no mesmo aceite de fritir os pementos. Deixar que se fagan a lume moi suave ata que queden transparentes sen coller cor.
  11. Cando as cebolas estean feitas engadir os recortes dos pementos e o líquido do bote. Deixar ao lume suave ata que os recortes dos pementos estean feitos. Triturar todo para facer a salsa.
  12. Poñer a salsa nunha tarteira engadir sal e un pouco de auga se quedou moi espesa, quentar moi suave ata que empece a ferver.
  13. Engadir os pementos recheos á tarteira e mantendo o lume moi suave deixar que terminen de facerse, uns 20 minutos.


Dificultade: Media.
Tempo aproximado: 1 hora e media