Falafel

Retomo o libro "Jerusalén", de Ottolenghi e Tamimi, para facer esta receita que había moito tempo que quería probar. Gustoume moito, queda un falafel suave coa cantidade de especias e herbas aromáticas xustas. Servino cunha salsa de iogur e ensalada, tal como aparece na foto. Sen dúbida volverei repetir xa que é outra boa maneira para comer legumes.


Ingredientes:

250 g de garavanzos secos, 80 g de cebola picada moi fina, 1 dente de allo picado moi fino, 1 culler de perexil picado moi fino, 2 culleres de coandro picado moi fino, 1/2 culleriña de caiena moída, 1/2 culleriña de comiño moído, 1/2 culleriña de coandro seco moído, 1/2 culleriña de cardamomo moído, 1/2 culleriña de lévedo químico, unha culler e media de fariña de arroz, sal ao gusto. Aceite de oliva abundante para fritir.


Elaboración:


  1. O día anterior poñer os garavanzos a remollo.
  2. Escorrer os garabanzos e mesturalos co perexil, o coandro, a cebola, picalo nun prcesador de alimentos ata que quede todo ben mesturado pero non pastoso.
  3. Engadir o resto das especias, o sal, a fariña e un pouquiño de auga, amasar coas mans ata ter unha masa sen grumos.
  4. Reservar na neveira durante unha hora.
  5. Coas mans húmidas formar unhas boliñas duns 25 g.
  6. Fritir as boliñas en abundante aceite durante aproximadamente 4 minutos, ata que estean douradas por fóra e feitas por dentro.
  7. Escorrer nun coador cuberto con papel de cociña e servir inmediatamente.




Dificultade: Fácil.
Tempo aproximado: 45 minutos máis o repouso.
Alerxénos: non contén.

Comentarios